Archivo de Xuño, 2014

En corentena

Xoves, 26 de Xuño, 2014

Se fixeramos unha enquisa entre os dirixentes galegos de PSOE, PP e BNG e lles preguntaramos que personaxe lles inspira máis temor, habería no eido político varios candidatos, entre os que sobresairía o homónimo do pai do socialismo español. Pero vista a deriva do caso Pokemon, non cabe dúbida de que a xuíza Pilar de Lara é a que verdadeiramente lle está a sacar o sono a canto político tivo trato nos últimos anos cos directivos do grupo Vendex.

Logo de levarse por diante varios alcaldes e poñer outros en corentena, as últimas investigacións apuntan directamente a unha presunta trama de financiamento ilegal dos tres principais partidos en Galicia e que poñen na picota, entroutros, ao presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, que pola condición de senador aforado se libra de momento dunha imputación.

Malia que todo o que se conclúe nunha investigación debe ser argumentado con probas para acadar unha condea xudicial, o certo é que a día de hoxe resulta difícil atopar un político que, logo de ver o seu nome nunha listaxe de investigados por corrupción, volva recuperar o estatus de xente de fiar para a opinión pública. E aínda que a diario se reitera desde os partidos que a imputación é un mero formalismo xudicial e algúns alcaldes como o de Lugo ata se gaban de ter máis dunha, os sinalados xa saben que o que lles queda é aguantar estopa e agochar os reloxos diante das miradas fisgoas.

A xuíza que quita o sono. Foto: Sebas Senande

Eles

Mércores, 18 de Xuño, 2014

Coñezo a alguén que se nega a ver ningún partido de fútbol do Mundial en protesta polos desorbitados soldos dos xogadores e as indecentes primas que lles prometen aos que acaden o título. Tamén sei duns cantos que mirarán cara outro lado cando as televisións retransmitan a cerimonia do ‘cambiazo’, que será executado coa mesma destreza coa que un opositor pouco ‘preparao’ consegue supera-lo exame a gaña-la praza. Moitos deles son ademais dos que están convencidos de que a antigua cúpula de Novacaixagalicia vaise ir de rositas por moitos delitos que lles queira imputar a Fiscalía Anticorrupción, porque saben que, a diferenza daquel mítico Dioni que fixera o mesmo cos cartos doutro banco, eles non van ter que cruzar a porta da cadea.

Todos eses incrédulos e indolentes cidadáns representan a esa nómina que protesta co látigo da indiferenza, un arma eficaz na distancia corta, pero que a nivel de sociedade a ciencia demoscópica cataloga como os do non sabe non contesta.

A humanidade somos unha raza afeita a adaptarse en calquera medio hostil, que conseguiu sobrevivir durante millóns de anos e por esa máxima se rexe toda esa masa de poboación que non se inmuta por moito tertuliano que os queira pinchar. Están afeitos a superar as dificultades día a día, sen atender consellos dos que os cobran a millón. Só por iso merecen que alguén se acorde deles por un día, malia que tamén pense que se trabucan.

O Mundial desde a favela

Viaxe a escote

Mércores, 11 de Xuño, 2014
Non vou negar que son desas persoas ás que lles gusta viaxar só no coche, sen ter que forzar unha conversa nen negociar a música ou unha emisora a escoitar e, sobre todo, sen distraccións que impidan atender ao que hai que atender, a estrada. Pero tamén entendo que chegado un momento no que compre facer xestos individuais pola sustentabilidade do planeta, a imaxe de vehículos cun só ocupante por autovías e autoestradas que poden acompañarnos ata centos de kilómetros fanme sempre pensar se non houbera sido mellor ter quedado antes para percorrer o camiño no mesmo coche.
Se cadra por iso e tamén por esta crise que nos fixo a todos mirar por cada euro que gastamos, nos últimos anos proliferaron as páxinas web e aplicacións para móbiles coas que compartir coche nos desprazamentos longos e que tamén agora se ofertan nas cidades, algo que entra en competencia directa co gremio do taxi, cuios profesionais están a presionar aos gobernos para que se multe mesmo aos usuarios deste sistema.
A UE xa tomou partido dándolle a razón ás plataformas que promocionan o coche compartido e en España o Ministerio de Fomento deu marcha atrás logo de anunciar que podería multar a empresas e usuarios destes servizos. De novo a tecnoloxía e os que tratan de buscarlle utilidade están a cambiar hábitos e fronte a iso, máis que poñer cancelas, o que queda é adaptarse.

Unha rapaza na procura de taxi ou coche compartido

Vermello

Xoves, 5 de Xuño, 2014
Mal que nos pese aos que nos gustaría poder decidir antes de quedar sen pelo quen queremos que nos rexa, porque somos unha xeración á que nunca nos deron esa oportunidade, non nos queda outra que apeitar co que nos vén e mentres se nos vai aplicando a vaselina o mellor que podemos facer é tararear as marchas militares, gabarnos diante dos veciños con presidente de república do bo mozo que vai ser o noso xefe de estado ou debatir sobre a cor que debe usar para o vestido de coroación a nosa raíña plebea.
Como sociedade amoada por unha convulsa historia que somos, temos ben asumido que as cousas ou se mudan á brava ou se deixan correr, e iso último semella ser o que pensan agora mesmo esa gran maioría silenciosa que mira coa mesma inercia indolente os comentarios dos expertos palanganeiros que as protestas na rúa dos que piden una consulta popular.
«Non é o momento», din sen convencemento os voceiros desa España que segue a ter medo ás mudanzas, porque sempre se perde algo na trasfega. Fronte a eles asoma un movemento desorganizado desde as redes sociais ao que colleu a contrapé unha abdicación e unha conseguinte sucesión sobre a que apenas quedará tempo para debatir, porque os que poderían abrir ese melón non queren. Así que postos a opinar, seica o vermello mundialista sería a cor que mellor lle vai quedar nas fotos do papel cuché á futura maxestade.

A futura raíña, en foto oficial