Archivo de Febreiro, 2011

Trinta anos

Mércores, 23 de Febreiro, 2011

Pertenzo a esa xeración que o máximo que recorda do Tejerazo son un día sen cole, sesión continua de películas na primeira cadea e marchas militares en Radio Nacional, e quizais por iso non acabo de atoparlle a relevancia que desde a esfera política se lle dá aos movementos que aquel 23 de febreiro de 1981 se deron para deter ese chafalleiro golpe de Estado.
O que si recordo é que aínda dez anos logo da asonada coñecín xente que defendía a idea de que España non daría por pechada a súa transición ata que os españois deixasen de apertar o cu cada vez que visen un avance informativo en televisión. Hoxe cúmprense 30 anos do día máis longo da democracia cun país cansado coa súa clase política, que se afai a vivir de acordo aos seus ingresos, que audita os estertores dunha banda de terroristas e que mira con envexa as revolucións no mundo árabe contra ditadores como o que aquí se vela nun mausoleo financiado con diñeiro público. Iso si, a idea das dúas Españas pertence aos libros de Historia e, como calquera país moderno, os dereitos e liberdades mídense polo número de ceros que se acumulan na conta corrente. E ao solo todo o mundo se tira só se o ordena o monitor de pilates.

Marchar

Mércores, 16 de Febreiro, 2011
O alcalde José López Orozco declarou o seu ‘tolo amor por Lugo’ o mesmo día en que o vicesecretario xeral do seu partido expuña limitar por lei o ‘tolo amor á poltrona’ dos presidentes de goberno. A dúbida está en saber cal debería ser o período máximo permitido para ocupar un cargo, evitando así que institución e persoas acaben por confundirse. Para algúns, a vida útil dun político debería ser a dun utilitario, é dicir, deixarlle facer durante catro anos, obrigadas revisións bianuais a partir do sexto, e, cando cumprise dez, empezar a comprar revistas de coches e a visitar algún concesionario coa idea de renovalo.
Mentres, os que cren que exercen con eficacia e paixón o seu traballo, seguramente se compararán coa existencia dunha árbore, que vai gañando cos anos altura de miras, aneis de experiencia e enraizando na terra, e cuxa corta só se decide no momento en que está amortizado o investimento por aqueles que decidiron plantalo.
Eu son dos que cren que aos políticos débeos de xubilar as urnas, como ocorreu nos noventa con Felipe González ou na década pasada con Fraga, aínda que tamén penso que os gobernantes que deixan pouso son aqueles que se dan conta de que deben irse antes de que os boten.

Sen factura

Venres, 11 de Febreiro, 2011

A pregunta do millón: -Fágolle factura?
-Vale.
-Pero teño que cobrarlle o IVE.
-Bo, pois dá igual.
Con este argumento, varios millóns de euros escapan a diario ao control de Facenda, xerando unha economía mergullada á que agora quere pór coto o organismo estatal ante a caída de ingresos que xerou a crise. No punto de mira estarán aqueles profesionais ou autónomos que, segundo Facenda, teñen un nivel de vida que non concorda cos seus ingresos, aínda que seguramente as presas desta cacería acaben sendo só os propietarios daquelas pemes que van trampeando coa facturación para non perecer no camiño.
En cambio, os que practican a enxeñería financeira, con equipos de asesores para evitar o fisco e con prácticas que a miúdo cruzan a fronteira da legalidade, quedarán indemnes a esta campaña de acoso ao defraudador.
Quizá o que acabe xerando Facenda é unha falsa cultura de austeridade que durará ata a chegada dun novo ciclo de crecemento, aínda que o que será máis difícil é convencer a ese 43% de españois que, segundo o Instituto de Estudos Fiscais, xustifica a fraude. E iso precisamente é o que nos diferencia dos países que cren no estado do benestar.

Rebelión

Xoves, 3 de Febreiro, 2011

A rebelión que vive o mundo árabe ten un nome, o de Mohamed Bouazizi, quen se prendeu lume con gasolina fronte a un edificio gobernamental nunha cidade tunisiana, despois de que as autoridades incautásense do seu carro, co que vendía froita sen licenza. Foi unha acción desesperada, que os mozos do seu país entenderon como a pinga que colmou o vaso do despotismo e que desatou a indignidade dun pobo que parecía non ter xa nada que perder. En Occidente, a fusta da insubmisión está en mans dun ancián de 93 anos, vítima do nazismo e para quen cada novo día sería unha vitoria frente á natureza se non fose pola desesperanza que lle xera a desidia dos mozos franceses. Stéphane Hessel chama no seu libro ‘¡Indignádevos!’ a unha insurrección pacífica contra un modelo de sociedade que os condenou a ser peóns con movementos limitados e atrapados na esquina do taboleiro polas figuras poderosas.
Non se atisba de momento unha reacción dos mozos europeos similar á dos árabes, primeiro porque a situación non é tan crítica e, segundo, porque a democracia facilita o labor de desaloxar a corruptos e ineptos. Claro que se o animal acaba por sentirse acurralado, que ninguén se estrañe se algún día non hai domador capaz de tranquilizalo.