Archivo de Xaneiro, 2011

Éxodo

Venres, 28 de Xaneiro, 2011
Os fillos do baby boom español dos setenta estiveron a piques de converterse nunha xeración perdida por culpa das taxas de paro que a crise de 1993 deixou e que chegaron ao 43% para os de 20 a 24 anos e ao 32% para os de 25 a 29. Con todo, aquela inquietante situación só provocou un retraso na emancipación e a que foi a camada de mozos mellor preparada da historia deste país acabou entrando no mercado de traballo ao abrigo da fase de crecemento na que se entrou desde finais dos noventa. A pesar diso, foron moitos os que tiveron que marcharse de Galicia, do mesmo xeito que fixeran décadas atrás algúns dos seus familiares, pero unha gran parte quedou aínda que sabía que as mellores oportunidades estaban fóra.
Dous anos despois de entrar nunha crise aínda máis profunda que aquela, as cifras de paro xuvenil achéganse a máximos históricos e a desesperanza volve render a unha nova xeración máis viaxada e menos apegada á súa terra.
Alemaña precisa entre 500.000 e 800.000 novos empregados especializados e a súa chanceler Angela Merkel chegará en breve a España cunha oferta de emprego na man para os nosos parados máis preparados. Mágoa que non sexa aos nosos indolentes políticos aos que se queira levar.

Axitadores

Mércores, 19 de Xaneiro, 2011
Aínda que ás veces rocen a kale borroka, son a esencia da democracia, porque sen a súa actividade reinaría un papanatismo máis propio de sociedades adocenadas como a que durante décadas foi a tunisiana. Refírome a esa prole de xornalistas aliñados, políticos caducados, executivos sen consello ou ex usuarios de coche oficial reunidos en faladoiros para, maiormente, destripar a actualidade e pór no disparadero aos que, seguramente, son responsables da súa decadencia. Moitos deles escandalízanse estes días do acontecido co conselleiro de Cultura do Goberno de Murcia, que foi agredido por tres persoas cando saía de casa, e culpan ao PSOE e aos sindicatos de incitar á violencia contra os populares.
O argumento ata podería coar entre a audiencia máis crédula se non fose porque eles mesmos son os estandartes da cultura da axitación e porque a diario chaman ás barricadas para derrubar a un Goberno ao que lle queda máis dun ano de mandato.
A sorte é que aquí, a diferenza de Estados Unidos, a maioría de españois non ten armas en casa e os magnicidios só os practicou unha banda de asasinos en vías de prexubilación. Por iso os axitadores domésticos, máis que inquietar, ata resultan divertidos.

Gaiás

Mércores, 12 de Xaneiro, 2011
Os galegos que circundan Compostela pola A-9 son conscientes de que no monte Gaiás está enterrado boa parte dun orzamento que ao longo dos últimos dez anos ben puidera ter servido para que hoxe en día Galicia non se situase entre as comunidades onde máis crece o paro. Pero o feito, feito está e tres gobernos de estilos ben diferentes non se atreveron a parar unha obra melogalómana que buscaba imitar ás grandes creacións arquitectónicas que se converteron en iconas dalgunhas cidades.
Galicia sempre necesitou de máis autoestima e non porque a riqueza natural ou o legado monumental levantado ao longo dos séculos sexa insuficiente para sentirnos orgullosos como pobo. O problema é que cando demos conseguido autogoberno e capacidade financeira suficiente para construír a nosa torre de ouro, fóisenos a pinza e acabamos levantando un mamotreto sen unha utilidade clara e que seguirá dando desgustos orzamentarios aos dirixentes da Xunta. Aínda así, o certo é que cada vez que se estrea casa, coche ou traxe o corpo experimenta unha sensación de satisfacción que ningunha factura impagada debe bloquear. Xa haberá tempo para tirarnos dos pelos, así que eu apúntome a visitar a Cidade da Cultura en canto poida.

Catálogo

Sábado, 8 de Xaneiro, 2011

Era de esperar tendo en conta cara a onde camiña un Estado autonómico que lonxe de conseguir o reequilibrio territorial fomenta as desigualdades. O último ataque ao que se veu en chamar sanidade pública universal denomínase catálogo de medicamentos, mediante o cal a Xunta, co beneplácito do BNG, acábase de cargar unha listaxe de fármacos do que si poderán dispor o resto de cidadáns españois, e que virán ser substituídos por xenéricos que, segundo se alega desde a institución recortadora, teñen o mesmo efecto. Claro que se o Ministerio de Sanidade anuncia un recurso de inconstitucionalidade á medida por considerar que mina os dereitos dos galegos, sería bo reivindicar polo menos os protectores estomacais de marca dentro do catálogo, para poder tragarnos sen problemas de dixestión os argumentos da conselleira de Sanidade.
Que non chega o diñeiro para pagar a factura dun servizo cada vez máis custoso sabémolo todos e que o copago de consultas e medicamentos ata polos pensionistas témolo ao virar a esquina os españois tamén, pero se un galego non pode obter no seu médico do seguro as mesmas medicinas que un asturiano ou un aragonés, a iso chamámoslle discriminación; aquí e en Torreciudad.