Archivo de Xuño, 2010

Parir

Mércores, 23 de Xuño, 2010
As mozas xa non queren ser princesas e moito menos mamás. Os últimos datos do Ine así o demostran, xa que por primeira vez en dez anos a natalidade caeu un 5% en España e xa non só as mulleres do país son reticentes a perpetuar a raza hispana, senón que as estranxeiras tamén o pensaron mellor e decidiron aprazar para mellor ocasión o momento de ser nai.
Pero se a nivel estatal a situación aínda non é alarmante, xa que o saldo vexetativo é positivo, en Galicia a pasividade dos quen están en idade de criar vese agravada polo feito de que aumentan as defuncións ata as 30.000 persoas anuais, unha cifra que non se recordaba en democracia e un fenómeno que de manterse no tempo aboca aos galegos a ter o mesmo futuro que Galicia Bilingüe lle desexa á lingua de Rosalía.
E como non podía ser doutra forma a crise e Zapatero estanse levando todas as culpas. A situación económica por lóxica é a principal causante desta sangría demográfica, xa que en paro ou con menos diñeiro na conta resulta difícil dar o paso de sacar adiante a uns ‘miniyós’ que tanto gasto xeneran.
E Zapatero, pois porque agora mesmo é xunto cos porteiros do Mundial o único ao que o persoal quere pór a parir.

29-S

Venres, 18 de Xuño, 2010
Manuel Fernández ‘Lito’, o combativo secretario xeral de «ceceoo», como diría Alfredo Urdaci, non puido resistir a tentación e adiantou pola mañá a data da que será a primeira folga xeral da era Zapatero para denunciar o que consideran un ataque contra o estado de benestar. Xa pola tarde, o seu homólogo de UXT sumouse á condena ás medidas anticrisis ordenadas pola UE e asumidas con celeridade polo Goberno español, que se verán complementadas cunha reforma laboral que, como cabía esperar, non será consensuada cos axentes sociais.
A data elixida é o 29 de setembro, unha vez reiniciado o curso político e cando se terá efectuada a prevista remodelación de Goberno na que os ministros máis políticos están chamados a tomar as rendas dese cabalo desbocado que é agora este país.
Tras o pobre resultado da folga de funcionarios, o 29-S será o último cartucho dos grandes sindicatos para demostrar se ese modelo de relacións laborais de fai dous séculos ten aínda sitio na sociedade do novo milenio. Porque máis que un paro xeral, a convocatoria soa a moción de confianza ás propias centrais e nesta tesitura seguro que máis dun traballador escamado podería pedir dobre quenda para esa xornada.

Xubi

Mércores, 9 de Xuño, 2010
Ten nome de boneco diabólico a pesar de que vén avalado pola divina providencia. Xubi, a mascota presentada pola igrexa como símbolo das peregrinacións a Santiago nun ano consagrado para ser acicate de economías e públicas e privadas, ten basicamente un espírito comercial, posto que como iconografía relixiosa deixa moito que desexar. Ademais, o seu é un camiño menos proceloso que o dos sufridos peregrinos, xa que está predestinado a ser estampado en camisetas, contos ou pins que achegarán unha marxe de beneficio do que a igrexa di estar bastante necesitada.
Claro que agora queda por diante unha campaña de difusión do boneco como a ideada para o Xacobeo 93 pola Xunta, cun colorista Pelegrín que quixo entón aproveitar o tirón que mascotas como Curro ou Cobi tiveron o ano anterior. Entón a mercadotecnia funcionou e logrouse recuperar parte do millonario investimento para difundir como opción turística o fenómeno xacobeo, pero agora está por ver se a igrexa logrará as súas previsións recadatorias. Porque á hora de consumir simboloxía relixiosa, dáme que aos fieis dinlles máis as clásicas estampitas, os efectivos escapularios ou, postos a gastar, unha fiel réplica da reliquia do santo local.

Un mal ano

Venres, 4 de Xuño, 2010
Son como vendedores espontáneos que nos abordan en plena rúa para ofrecernos un produto etéreo: un instante de gratitude por terlles feito algo menos desgraciados. Ás veces dubidamos se a súa é unha penuria verdadeira e xustificamos a nosa indiferenza mirando cara a outro lado como despistados, agarrando o móbil para ocupar o noso tempo ou, simplemente, respondendo cun xesto ou unha palabra cortés que rexeita o seu ofrecemento.
O certo é que estes días de crise e a desesperación de moitas familias ou individuos está sacando á luz a cada vez máis deses vendedores da súa desgraza a quen o rico dicionario cualificou ao longo da historia con múltiples apelativos que van desde un picaresco «pedigüeño» ao desconsiderado «pordioseiro». Pero quizá aquel mítico «pobre vergonzante» que acuñou a caridade franquista durante os anos de autarquía ben podería servir para definir hoxe en día a situación de moitos aos que nos atopamos nas rúas lamentando a súa mala sorte.
O outro día escoitei a un rapaz preguntarlle a un xubilado nun ton que raiaba o colegueo: «Tes unha axudiña para min? Non… é un mal día, verdade?»
Ao que o interpelado respondeu: «Non é que sexa un mal día, é un mal ano».