Archivo de Marzo, 2010

Fusións

Mércores, 31 de Marzo, 2010

As caixas de aforro, o último reduto no que o poder económico está supeditado ao político, ten a mal traer aos grandes partidos galegos, aos executivos atrincheirados e tamén a miles de traballadores que ven perigar os seus postos de traballo a conta dunha fusión que nos foi vendida ben como un berro de automotivación ao Braveheart ben como un xesto de supervivencia do sistema financeiro galego na maraña tecida polos grandes bancos. A presión política e social -entendida esta última desde a retórica dos medios de comunicación- parece que vai obrigar ás dúas grandes caixas galegas a unirse nunha entidade única que debe estar preparada para aguantar a presión dun novo ciclo económico postcrisis -se é que damos saído- e a defender as iniciativas empresariais e o tecido produtivo galego, á vez que contribuír ao benestar social e ao fomento da cultura. Pero isto da banca non se inventou para gañar diñeiro?, preguntarán algúns. Pois si, pero é que as caixas son tamén un instrumento para a política e grazas a iso serán capaces de aguantar calquera embate do indomable mercado. A tan traída fusión é xa que logo unha pelexa fratricida; non se preocupen, o modelo non está en crise.

Verdes

Mércores, 24 de Marzo, 2010

Nunca entendín moi ben a razón de ser dos partidos verdes, a pesar de que comparto case ao cento por cento calquera dos seus puntos programáticos sempre que non caian nun ecoloxismo radical como o daqueles que liberan visóns enxaulados para que arrasen coa fauna autóctona. Porque a pesar de que o respecto á natureza debe ser norma de convivencia, os catro elementos non teñen por que determinar afinidades políticas.
Lugo acolleu a pasada fin de semana a constitución do Partido Verde Galego, a enésima refundación dun movemento que só conseguiu representación ou votos cando se asociou con clásicos partidos de esquerda como o PSOE, Esquerda Unida ou ata o BNG, como nas pasadas eleccións europeas.
Apenas unha vintena de persoas acudiu ao acto dunha organización que pretende concorrer aos próximos comicios municipais con máis vontade que medios. O seu modelo a imitar é o dos Verdes de Asturias, que desde o ano 2008 forma parte do Goberno do Principado, e ademais de influír na política ambiental, quere achegar solucións a problemas sociais como o paro ou o futuro do sistema de pensións. Claro que logo da desfeita que causou o neoliberalismo, ata as propostas dos verdes teñen máis crédito que as dos partidos políticos convencionais.

Son rebelde

Mércores, 17 de Marzo, 2010

“Eu son rebelde porque o mundo fíxome así”, cantaba Jeanette nos anos 70, un éxito que quere reeditar a presidenta de Madrid, a inefable Esperanza Aguirre, que chama á poboación á resistencia fronte á subida do IVE. Porque logo da campaña posta en marcha polo PP madrileño para frear a medida anticrisis do Goberno de ZP, o Congreso tivo que ratificar onte cos votos de PSOE, PNV e CC o alza en dous puntos do tipo impositivo xeral do 16 ao 18%, e do tipo reducido do 7 ao 8% a partir do 1 de xullo.

Aínda así, é previsible que Aguirre non esgote os seus esforzos e como anunciou no seu día promoverá campañas de recollida de firmas, charlas informativas sobre a súa repercusión na economía ou a mobilización dos seus cargos públicos. Ao comando rebelde xa se sumaron outros compañeiros de partido e o propio presidente Feijóo anunciou onte no seu discurso do debate da autonomía que a Xunta renuncia a adaptar o imposto de transmisións patrimoniais á subida do IVE.

A insubmisión fiscal proposta polo PP recórdame a un curioso movemento galego chamado Obxeta Peseta que nos noventa animaba a non pagar a porcentaxe de IRPF destinado a armamento. A protesta non callou e a de Espe leva o mesmo camiño.

Traducións

Xoves, 11 de Marzo, 2010

Non vai ser a primeira nin a última vez que un programa de tradución ou un corrector ortográfico pon a alguén nun aperto e só hai que darse unha volta por internet e cliclear nas opcións por idiomas para comprobar como se poden converter topónimos reconocibles e nomes propios famosos en disparatados personaxes e lugares. Por iso Mike Oldfield pode aparecer como Miguel Campoviejo, Freddie Mercury como Alfredo Mercurio, Donna Sumer como Primadona de Verán, Pequín como Capital do Norte ou San Cugat como San Cucufato. Claro que se isto pásanos na rede de redes, onde o único seguro é a tarifa que se paga ao operador, non pasa nada, pero se a tradución á vaiche boa faina o titular dunha consellería denominada de Cultura, pois é como para poñerse a chorar.
A Roberto Varela, durante a lectura dun discurso en Fitur, deulle por citar entre os enclaves a visitar en Galicia El Desván de los Monjes (Sobrado dous Monxes) e Toro (Touro), aínda que o peor é que negou a maior no Parlamento cando llo botaron en cara, a pesar de que o señor youtube, que o ve todo, desmentiuno. E é que quizá de tanto axustar orzamento, Cultura parece que prescindiu de lingüistas e poida que tamén de sentido do ridículo.

Rezos

Mércores, 3 de Marzo, 2010
O Papa bendixo o luns o primeiro ano triunfal de Alberto Núñez Feijóo na Xunta durante unha recepción na que o presidente galego trasladoulle o interese de Galicia por contar coa súa presenza este Xacobeo, unha visita que sen dúbida axudaría a promocionar Santiago e o seu camiño tendo en conta que o cru inverno e a crise están afectando ás expectativas turísticas do Ano Santo.
Pero o que toca estes días é repasar a acción de goberno dos populares na comunidade, que sen dúbida está pasando desapercibida polo protagonismo adquirido por un gabinete de Zapatero atafegado pola falta de boas noticias. E se hai que resumir cunha frase o balance destes meses de hexemonía popular, a oposición apela ao refrán de moito ruído e poucas noces, mentres que os correlixionarios prefiren dicir que o Goberno galego está cos pés na terra. Pero xa estea a Xunta na terra ou no ceo, o certo é que isto non acaba de arrincar, nin sequera co cambio do coche oficial e aínda que as medidas de austeridade implantadas desde a chegada de Feijóo reduciron o gasto improductivo que xeran os políticos, a acción política non acaba de impulsar o emprego e a cifra de parados segue desatada. Polo menos no Vaticano xa se reza por Galicia. A ver se rende.