Archivo de Febreiro, 2010

Un país nini

Xoves, 25 de Febreiro, 2010

Fai días definía as causas da crise de forma máis rechamante que as súas coloristas americanas quen podería ser futuro presidente do Barça, o economista Xavier Sala i Martín: “O fracaso do modelo produtivo de España é que xa non é o país que produce barato para Europa; agora son outros”. Este catedrático da Universidade de Columbia e asesor do FMI explicaba en televisión como durante anos se foi fraguando un sistema insostible onde subían os soldos sen que as empresas mellorasen a competitividade, situación á que contribuía unha construción que roubaba man de obra nova e impedía que esta se formase noutros sectores. Agora que a crise xa non é financeira senón estrutural de toda España, a diario vemos novos exemplos de como imos camiño de ser un país nini, que nin estuda nin traballa, e onde empresas como a multinacional de telemárketing Sykes, que fai anos asentouse na Coruña e Lugo, comeza a recoller velas camiño quizá doutras zonas como Latinoamérica, Norteáfrica ou Asia, con soldos máis baratos e persoal con básica formación. Vista a análise que achega a xente do fútbol e o éxito internacional dos equipos españois, igual nos iría mellor se estes directivos se fixesen co temón da nave e puxésemos aos políticos a dar patadas.

Máscaras

Mércores, 17 de Febreiro, 2010

Acábase o Entroido oficial pero moitos non se quitarán o disfraz mentres lles resulte útil. Zapatero rodeouse o luns de profesionais da máscara gañadores, aínda que eles si se merecían o premio por facernos fan rir e emocionarnos coa súa historias. ZP con todo, aínda que triunfou en dúas ocasións, é agora mesmo a cara da decepción e quizá por iso trata de tapala cunha amable careta que non convence nin a mercados nin a socios europeos nin a oposición e, a tenor das enquisas, nin aos seus votantes. Preto de iniciar o seu terceiro ano de mandato as súas políticas apenas lograron frear a recesión e o negro panorama que ata debuxan comisarios europeos que el propuxo fixeron actuar ao propio Rei, que saíu a palestra para pedir unidade.
Cada un ten o seu papel nesta mascarada e ao cidadán tocoulle o de asistir como convidado de pedra ao axuste de contas que representa agora a política en España. Iso mesmo pasoulle aos gregos, máis afeitos iso si á traxedia, pero que estes días prepáranse para saír á rúa a denunciar a farsa que os seus dirixentes construíron durante anos. Aquí non sabemos aínda canto tardará en caer o telón, aínda que se albisque o desenlace. Iso si, mentres haxa máscaras a incerteza non cesará.

Baltar

Mércores, 10 de Febreiro, 2010

O caleidoscopio galego deixounos o luns unha instantánea multicolor e un ofrecemento propio destes tempos de penuria na Deputación de Ourense, onde o recentemente abdicado monarca do PP provincial ofreceu ao outrora líder da Fronte Popular Galega e agora presidente da Real Academia Galega axuda para subsistir nun escenario de hostilidades con quen debería ser o seu principal benefactor, a Xunta do trilingüe Alberto Núñez Feijóo.
E é que logo da demostración de forza que acaba de facer José Luís Baltar fronte a algúns compañeiros de partido que seguramente lo definen como adoita facer Esperanza Aguirre cos seus inimigos, dá a impresión de que a partir de agora, xa sen as ataduras de ser a cabeza visible do PP ourensán, adicarase a ser a mosca colloeira dun partido en ascenso imparable, aínda que con serias contradicións internas. Por iso non debe sorprendernos que Baltar se abrace a calquera causa que ataque os cimentos dese sector popular do birrete, aínda que iso implique comulgar cos quen se sitúan nas antípodas ideolóxicas. E tampouco debe asombrar a actitude dos que devolven a aperta, porque a crise, como a política, fai estranos compañeiros de cama.

Pertinaz paro

Mércores, 3 de Febreiro, 2010

Os políticos que sustentaron o franquismo fartáronse de xustificar a mala marcha da economía culpando á pertinaz seca dos problemas que orixinou a autarquía dos primeiros anos de ditadura ou as crises do petróleo de inicios dos setenta e que castigaron a aquela incipiente clase media. Agora o Goberno de Zapatero tamén xustifica o drama persoal de catro millóns de parados acusando ao mal tempo dos últimos meses de evitar un escenario de recuperación. «O axuste prodúcese por motivos climatolóxicos no sector da construción», asegurou onte o responsable da Seguridade Social, Octavio Granado, para lamentarse dunha nova caída nas afiliacións.
Pero se a maquinaria laboral do país non acaba de arrincar coas medidas dos socialistas, en Galicia, onde hai Goberno do PP desde fai nove meses, non se conseguen parir tampouco políticas de emprego como se prometía nos programas electorais. E a situación se cabe é aínda máis crítica, tendo en conta a distancia que sempre houbo coas chamadas comunidades ricas, e sobre todo polo último dato: o aumento do paro e da caída de asegurados é superior en Galicia á media nacional. Claro que igual a culpa é da pertinaz choiva deste noso país.