Archivo de Xullo, 2009

Cen días

Martes, 28 de Xullo, 2009

Aínda que semella que algúns non espertaron do ‘shock’ que lles provocou o 1-M, o gabinete de Feijoo xa cumpriu cen días, nos que a palabra máis repetida durante a campaña, austeridade, foi tamén santo e sinal da acción de goberno. Desde o primeiro momento ademais o novo presidente galego non só deixou ‘descolocados’ a estraños senón tamén a propios, logo de buscar un perfil técnico na composición dos altos cargos da Xunta. Descubertas as vergoñas dos seus rivais nas urnas, coa filtración de facturas de coches e mobiliario de luxo ou de contratos a persoas ou empresas afíns, nestes meses Feijoo tivo como teima principal a de cadrar unhas contas das que dixo que presentaban un buraco de case 1.200 millóns de euros. Para iso emprendeu unha labor de recortes que mesmo chegou á Educación, a área que precisamente máis polémica está a xerar. O cambio no modelo da gratuidade de libros de texto ou o anuncio de reforma do decreto do galego son así os principais asuntos nos que a oposición atopa argumentos para contestar a acción de goberno. Porque no resto de capítulos estase a seguir co guión previsto e mesmo o relativo a infraestruturas pode que acabe saíndo da axenda política logo do ‘acordo do Obradoiro’, polo que o Ministerio de Fomento se compromete a ter rematado o AVE en 2015, e a Xunta, a non facer leña co tema. Cen días logo de doada senda para Feijoo, que nin sequera está a ter problemas coas vagas de lumes grazas ao verán suave que estamos a ter en Galicia. Iso si aínda, queda moito camiño por andar.

Acordos e trasacordos

Martes, 21 de Xullo, 2009

Corría o ano 1991 e un enerxético Manuel Fraga conseguía arrancar do Goberno de Felipe González un acordo por escrito para rematar en catro anos as dúas autovía s de entrada a Galicia desde a Meseta. A sinatura daquel acordo entre Javier Sáenz Cosculluela e o presidente da Xunta recorda á que protagonizaron os seus homólogos na actualidade, os ex compañeiros de facultade Alberto Núñez Feijoo e José Blanco. Nesta ocasión o compromiso por parte do Ministerio de Fomento é ter rematadas en 2015 todas as obras do AVE entre as sete cidades galegas e Madrid, unha promesa para a que hai compromiso de investir preto de cinco mil millóns de euros, independentemente de como estean as arcas do Estado.
O acordo das autovías por suposto que non se chegou a cumprir e en 1995 só había aberto en Galicia ese perigoso tramo da alto de Puxeiros en Vigo no que hai sinais e radares para non pasar de 60 quilómetros por hora. Daquela xustificouse o atraso pola extrema orografía, as condicións meteorolóxicas durante os invernos ou a dificultade para facer as expropiacións. Finalmente o último tramo de autovía inaugurouse en xullo de 2002, sete anos despois do pactado no convenio. Naquela última placa conmemorativa gravouse unha frase de Jovellanos que di “vale máis concluír un camiño que empezar moitos”. Os galegos e seguramente que tamén os firmantes do Acordo do Obradoido tamén esperan que o AVE sexa realidade algún día e se acabe dunha vez este baile de prazos.

Bipartito ‘non partito’

Xoves, 16 de Xullo, 2009

Din que dos erros se aprende e se cadra por iso na Deputación de Lugo están a cambiar as cousas. O luns convocaron unha rolda de prensa conxunta o presidente socialista e o vicepresidente nacionalista para facer balance dos dous anos de goberno bipartito e dous días despois de novo Xosé Ramón Gómez Besteiro participa nun acto xunto coa vicepresidenta… terceira (creo que non perdín a conta), María Xosé Vega.

Seica as axendas duns e doutros van coincidir máis a partir de agora e os seus asesores xa traballan en común. Queren rachar coa idea de dous gobernos, cada un polo seu lado, que se forxou no defunto bipartito da Xunta e rearmase de cara ás eleccións de 2011fronte a un PP en ascenso na provincia.

Logo da reflexión postraumática de autonómicas e europeas a esquerda luguesa velle as orellas ao lobo e muda o seu xeito de gobernar. Na Deputación, claro; no Concello de Lugo, séguese o mesmo guión. Pero esa é outra historia. 

Afectados

Martes, 14 de Xullo, 2009

Que te pille unha tractorada na rúa ou na estrada de volta dunha longa viaxe ou cando tés presa por chegar á casa ou ó traballo é un mal menor. Que os gandeiros pechen o supermercado cando vas facer a compra tamén é un mal menor. Os galegos, sobre todo lugueses e composteláns, están a sufrir estes días a semana branca, non a desa famosa cadea de centros comerciais, senón as xornadas de reivindicación que os gandeiros convocaron para chamar a atención de que o seu si que é un mal maior. Os prezos baixaron nun ano case que á metade e a moitas explotacións xa nin lles dá para cubrir custes. Pero como a súa é unha situación crítica que pode afectar tamén ao resto dos cidadáns das cidades e vilas do seu entorno, o seu xeito de protestar é botándose ás rúas cos aparatosos tractores e mudando a faciana urbana.
Como calquera protesta, esta ten moitos inconvenientes, pero o caso é que desta vez a sociedade está tan preocupada non só pola crise láctea senón pola situación económica en xeral que a comprensión cidadá e máis manifesta. O problema é que nesta ocasión a solución depende de moitos factores, entre eles, que o propio consumidor saiba de onde procede o leite que está a mercar, para deste xeito poder contribuír a salvar o sector lácteo galego. Ninguén nos gobernos está a mover ficha e se cadra quedan por diante moitas semanas brancas ata que os gandeiros cobren un prezo xusto polo leite. Paciencia franciscana porque afectados somos todos.

Dar lustre

Xoves, 9 de Xullo, 2009

Dá gusto ver cando unha cidade enteira aparca as súas diferenzas e consegue unirse en torno a un obxectivo común. Acabámolo de ver na Coruña, onde políticos, asociacións e cidadáns a xeito individual foron quen de mobilizarse para que a Unesco declarase o seu faro romano como Patrimonio da Humanidade.

Uns anos antes tamén apreciamos esta cohesión nos lugueses, que escoitaron como desde as antípodas se inscribía a súa muralla romana entre os bens mundiais. Claro que unha cousa é pedir títulos e outra darlles lustre. E niso, as administracións teñen moito que dicir. O caso é que, como cada verán, o baluarte lucense precisa dun tratamento para retirar as herbas e a maleza, aínda que, nesta ocasión, cun cambio de goberno na Xunta de por medio, uns polos outros esqueceron aprobar o orzamento para as tarefas.

Metidos no verán e con numerosos turistas xa pola cidade, a imaxe da muralla resulta patética e por iso, logo das protestas de cidadáns e visitantes, o Concello mesmo ameazou con promover unha roza veciñal para esixirlle á Xunta que inicie os traballos. Finalmente, Cultura confirmou que o luns comezará a limpeza.

Seguramente Galicia merece máis recoñecementos por parte da Unesco, aínda que tamén habería que ter en conta que o obxectivo non é conseguir títulos, senón conservar e poñer en valor o noso patrimonio.

Libros de texto

Mércores, 1 de Xullo, 2009

Non hai cousa máis cruel que quitarlle un caramelo a un neno. E ese mesmo cabreo é o que poden coller nos vindeiros meses os pais galegos se o cambio no modelo da gratuidade dos libros de texto anunciado polo Goberno galego lles obriga a pagar algo que xa daban por descontado.
O caso é que a austeridade é a folla de ruta na Xunta e, de cara ao vindeiro curso, podería impoñerse un modelo de axudas para textos escolares en función das rendas. Claro que tendo en conta que moitos pais con ingresos medios están afogados por hipotecas e créditos, o feito de sumar despois do verán un gasto que non tiñan asumido pode xerar esa perrencha da que falabamos ao principio. E será a mesma que, de seguro, lles entrará aos contribuíntes se tamén se chega a consumar a medida de eliminar a devolución dos catrocentos euros de IRPF que instituíu Rodríguez Zapatero. A sorte que teñen os gobernos mal calculadores é que as familias aguantan co que lles boten e se ao final toca pagar de máis pois haberá que tirar do peto dos aforros para afrontar a volta ao colexio. Iso si, de momento toca gozar das merecidas vacacións, así que noraboa aos que as comecen hoxe e paciencia aos que lles toca esperar.