Galego na escola
Martes, 12 de Febreiro, 2008Recordo cando comecei a estudar galego no colexio. Daquela dou por seguro que ata calquera dos rapaces que falabamos o galego na casa sabiamos tanto coma o mestre, porque entón o profesorado non tiña aínda a preparación debida para dar unha asignatura que se facía obrigatoria a partir de sexto de EXB. Por sorte desde aquela temos avanzado algo máis, a pesar dos confusos cambios normativos, e o uso do noso idioma na escola semella ser algo asumido con normalidade, por moito que Rajoy se empeñe e dicir o contrario. Claro que polemizar co idioma sempre foi algo do que algúns políticos tentan sacar réditos e mesmo na capital lucense estase a usar como arma de axitación fronte ao rival. O derradeiro capítulo viuse no pleno municipal do luns, onde PSOE e PP xuntaron o seu voto para evitar que as futuras garderías de Lugo entren na rede de galescolas. O razoamento basease nun informe encargado ao secretario no que se di que os fondos aportados ao instrumento de xestión destes centros poderían ser desviados a outros municipios. Eu penso que quedaría mellor se deixasen claro que non se cre nese modelo de formación e punto ou, directamente, que non queren colaborar cun departamento da Xunta xestionado por eses nacionalistas que tanto marean ao goberno local lugués. Ou aínda mellor, evitar a polémica ata que se rematen as famosas garderías, porque unha acumula un considerable retraso e a outra de momento é virtual.