Archivo de Xaneiro, 2008

Herdeiros de segunda

Mércores, 9 de Xaneiro, 2008

A Xunta de Galicia vai correxir despois do verán o dislate que supoñía para os heredeiros galegos que teñan pagar tributos cando se produce unha cesión de bens a consecuencia dun falecemento, mentres que en comunidades veciñas como Castela e León están exhimidos. Porque poderase estar dacordo ou non en cobrar taxas a quen vai ver incrementado o seu patrimonio por mor dunha herdanza, pero o que non é lóxico é que exista unha desigualdade tan manifesta nun Estado onde en teoría está garantido pola administración o mesmo trato para todos os cidadáns.

Un adeus sentido

Martes, 8 de Xaneiro, 2008

O pasamento de frei José Gómez non por esperado sorprendeu hoxe aos lugueses, crentes ou non, que sabedores da súa irreversible doenza esperaban a lo menos velo facer o vindeiro 9 de febreiro o traspaso de poderes ao futuro bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco. O adeus a quen durante case trinta anos levou o cargo co sixilo propio da súa orde prevese multitudinario e seguramente cheo de sinceiridade, pois ademais de a simpatía de moitos fieis lugueses, frei José gañouse tamén a de aqueles que sen profesar a fe católica respectan a diversidade relixiosa e o papel dos seus representantes. A imaxe do agarimoso abrazo entre o bispo e o portavoz do BNG durante a entrega do título de fillo adoptivo de Lugo que lle concedeu a corporación municipal exemplifica ben a teoría de que as ideas, por moi contrapostas que poidan ser, non paga a pena antepoñelas á amizade.

Made in Galicia

Luns, 7 de Xaneiro, 2008

O made in Galicia ben podería ser un lema de campaña para os tres grandes partidos galegos de cara ao vindeiro 9-M, pois se algo hai que vender nunhas eleccións xerais nas que, por lóxicas razóns demográficas, cada vez ten menos presenza esta comunidade é a influencia que os nosos compatriotas poden ter na gobernabilidade do Estado para, por suposto, empurrar algo o carro cara acó. O BNG, por exemplo, sempre defendeu a necesidade de contar cunha voz diferenciada no Congreso, aínda que polo de agora nunca conseguiu acadar grupo parlamentario propio e segue diluído entre o resto de siglas que conforman o grupo mixto. Desde o PSdeG apélase agora á influencia que poden ter ministros galegos como Elena Espinosa e César Antonio Molina, ou o mesmo secretario de Organización, José Blanco, ministrable cando el queira, segundo se di. Claro que se Galicia tiña que entregarse a alguén baseándose no lugar de nacemento do candidato ese sería por suposto o santiagués Mariano Rajoy. Agora ben, todos sabemos o que lles ocorre aos galegos cando cruzan Pedrafita ou O Padornelo, o que xa cantaban os de A Roda aló polos anos setenta: “Os deputados galegos / sonche moi espabilados / falan moi ben nesta terra / en Madrid están calados”.

A policía invisible

Venres, 4 de Xaneiro, 2008

Recoñezámolo, dende que sabemos que hai folga de libretas pechadas na Policía Local de Lugo somos uns condutores menos respectuosos e, por poñer uns exemplos, aparcamos daquela maneira sabedores de que xa non hai por que dicir aquelo de “é so un minuto” ou collemos o móbil sen mirar a un lado e a outro por se nos ve alguén. Tamén hai quen vendo a falta de controis de alcolemia apura outra copa máis antes de irse para a casa aproveitando que o local de turno pecha cando lle peta. Aínda así non nos podemos queixar, pois o tráfico está coma sempre e tampouco aumentaron os accidentes nin as queixas veciñais. Quen dixo que a anarquía era unha utopía logo.

Vázquez bendice a Orozco

Xoves, 3 de Xaneiro, 2008

Francisco Vázquez volta a casa pola Navidad, como o empalagoso turrón, e de paso os xornalistas aproveitan para buscar titulares onde había costume de dalos con moito prebe. Claro que nesta ocasión e asentado xa como está na embaixa española no Vaticano, preferiu non desmarcarse da postura oficial do seu partido diante do arrebato de intolerancia da igrexa católica para cos que non profesan esta fe e que se puxo de manifesto o pasado domingo en Madrid. Agora ben, preguntado polo goberno bipartito da cidade herculina, o ex alcalde preferiu non facer balance, e só fixo un apuntamento diante dunha radio local, indicando que había que mirar cara ao goberno en minoría de Orozco, do que di que está dando moi bos resultados. Vázquez da así a súa bendición a este goberno monoparental, quizá porque nunha situación similar el tampouco apostaría por facer unha parella de feito cos nacionalistas. Eso si, se Vázquez está en Roma en parte é grazas aos apoios que no seu día tivo Zapatero de PNV, ERC, CiU, CC, BNG… pero claro, esos pecadiños non fai falta confesalos.

Que lle pedimos a 2008

Mércores, 2 de Xaneiro, 2008

Sería moito de máis que todo o que lle pidan a este ano novo os lugueses se cumprise, pero a lo menos a nivel colectivo non estaría mal que se conseguisen algúns desexos xa expresados en ocasións anteriores. Para empezar, estaría ben que eses tramos de autovía na provincia, tanto das de Santiago e Ourense como da A-8, que faltan por contratar levaran un empurrón definitivo. Tamén sería unha boa noticia que a nova ponte do Miño deixase de ser un proxecto e empezasen neste ano as obras, ao igual que as do futuro auditorio, vaia onde vaia, ou as do museo MIHL. Neste 2008 queremos ademais ver traballar ás máquinas no polígono das Gándaras e comprobar como se remata o novo hospital. Por todas estas cousas poderiamos incluso esperar outro ano máis, pois paciencia non nos falta aos lugueses, pero ao que de verdade non imos a renunciar é a esas demandas inmateriais que non soen saír no BOE, porque a este 2008 o que lle pedimos é saúde, paz e moitas pingas de ledicia.