Archivo de Novembro, 2007

Vive la France!

Luns, 5 de Novembro, 2007

Non costa moito imaxinar a xeira que se debeu vivir o pasado domingo na Moncloa despois de darse a coñecer a noticia de que o presidente galo Nicolas Sarkozy fixera unha viaxe sorpresa ao Chad para mediar na liberación de cidadáns franceses e españois envoltos no truculento caso de secuestro dun cento de nenos orfos para traelos a Europa. É fácil imaxinar que o que ía ser unha relaxada xornada en familia de Zapatero, o ministro de Exteriores e os seus asesores se converteu nunha aloucada carreira para tentar convencer á opinión pública de que o Goberno español estaba a facer algo máis polos compatriotas encarcelados que enviar á embaixadora en Camerún ata a cidade de Yamena a mediar diante dun país indignado polo suposto roubo de cativos a mans dunha ONG europea. A resposta urxente desde Moncloa diante da ofensiva diplomática gala incluiu ata algunha apostila nos telexornais públicos, que loubaban que Zapatero e Sarkozy estaban en contacto en todo momento, claro que un voando cara África e o outro dende o salón de palacio. Eso si, o cabaleiro francés tivo o detalle de facer escala en Madrid para deixar ás catro azafatas e confirmar a versión oficial da preocupación española polo caso. As rapazas, aliviadas despois de varios días de reclusión, tamén deron as grazas a Zapatero e Moratinos, aínda que seguramente camiño das súas casas ata entoarían un patriótico Vive la France!

O polbo, a gran festa gastronómica

Xoves, 1 de Novembro, 2007

O botellón en Lugo comparte durante un mes ao ano ubicación con outra festa, neste caso gastronómica, pero na que tamén se consumen grandes cantidades de alcol de diferente graduación. As casetas do polbo voltaron a amosar o seu poder de convocatoria, que podería servir para plantexar novas propostas de promoción da gastronomía lucense, que fosen máis aló da instalación de cinco casetas na primeiro bancal do Parque. O caso é que os que veñen unha vez, repiten, e traen a máis xente.