Archivo de Novembro, 2007

UN BNG sen liderazgo comarcal

Venres, 30 de Novembro, 2007

O BNG de Lugo segue sen secretario/a comarcal dende hai meses e todo apunta a que o posto non se da cuberto por mor da falta de entendemento entre as familias políticas que compoñen esta formación. Á sempre hexemónica UPG non lle acaban de convencer os nomes que se van debullando e tampouco consegue impoñer un da súa corda, polo que esa especie de portavocía compartida existente ata o de agora semella que se vai manter ata as vindeiras eleccións de marzo, onde se pode chegar a medir ata que punto os que agora parten o bacalao atinaron ou cometeron erros.

Unha megaconstrución galega

Xoves, 29 de Novembro, 2007

Por iniciativa do meu fillo vexo un documental do Discovery Channel da serie Buildt it Bigger (Megaconstrucións) na que é protagonista Santiago de Compostela e a Cidade da Cultura. O condutor é un arquitecto estadounidense que durante varias semanas se misturou cos traballadores mentres trataba de atopar o sentido da obra deseñada polo seu compatriota Peter Eisseman. Nos seus comentarios non aforra eloxios a esta construción, que califica como unha das máis importante que se está a facer agora en Europa, aínda que tamén cita a polémica xurdida nunha “rexión das menos desenvolvidas” polo coste que a obra terá. No sei se a reportaxe foi un encargo da Xunta de Galicia, pero o certo é que outros documentais desta serie que xa teño ollado recollían megaproxectos como o eurotúnel ou a ponte de Millau, en Francia. Seica aquí aínda seguimos preguntándonos que imos facer con todos eses edificios tan eloxiados dende o mundo da arquitectura, pero a lo menos queda a satisfación de ver que dende fóra hai quen mira con envexa o que se está a facer en Galicia.

P.C.: No documental sae o que o presentador chama un dos xefazos, Vicente Quiroga, ex alcalde de Lugo e un dos responsables da execución da obra. Da súa etapa de rexedor quedan algunhas “megaconstruccións”, como os párkings soterrados. Outros so deixaron obriñas.

O cárcere de todos

Mércores, 28 de Novembro, 2007

O llanero solitario (seica lle fixo graza a Orozco o apodo) acaba de facerlles unha oferta aos alcaldes dos sete concellos copropietarios do vello cárcere de Lugo para que vendan a súa parte e así poder convertir este edificio singular nun deses centros culturais que tanta falta fan no centro da cidade. O problema é que á hora de facer unha compra é importante saber negociar e esa habilidade semella que a ten atrancada dende hai meses o rexedor lugués. Malia a contar co apoio do portavoz municipal do PP, os alcaldes populares de catro concellos copropietarios xa manifestaron que non van a tragar co que lles propoña Orozco, quen xa avisa de que pode usar a vía da expropiación, aínda que vista a axilidade da Xustiza moito nos tememos que o caso do cárcere volte a ser outro culebrón como o do novo auditorio. Recordo que un teniente de alcalde dun concello veciño me tiraba hai anos das orellas por unha columna na que defendía que o edificio debía ser propiedade do de Lugo. “Ese cárcere fíxose tamén cos impostos que pagaron teus avós neste municipio”, díxome. Pois señor Orozco, negocie logo sen acritude, para que logo non digan que os grandes amedoñan aos pequeños concellos.

Tópicos dos paios

Martes, 27 de Novembro, 2007

A Fundación Secretariado Gitano vén de sacar unha campaña de publicidade para pedir á sociedade que non encasille a esta etnia no día a día ou na búsqueda de emprego. A nivel local, tanto esta asociación como a de promoción xitana que impulsa Manolo Vila veñen facendo un traballo que vai máis aló dunha simple prestación de servizos a un colectivo certamente marxinado, pois buscan tamén a implicación do mundo xitano para conseguir unha integración que non ten que porque poñer en perigo as tradicións deste pobo. Recentemente tiven ocasión de compartir unhas horas cuns rapaces do Carqueixo que estaban a traballar arreo acondicionando un edificio e ademais de cordialidade amosáronme ese lado de sacrificio e constancia que os tópicos dos paios lles pretenden asoballar. Unha vez rematada a faena e antes de marchar espetáronme con retranca propia de quen merece levar a razón: “Para que luego los payos digan que los gitanos no trabajan”.

A lei de Murphy

Luns, 26 de Novembro, 2007

A imaxinativa campaña de publicidade da Consellería de Traballo para loitar contra os accidentes laborais ten como argumento unha desas leis non escritas nin pactadas en parlamentos, a de Murphy, e na que os seus fundamentos se resumen nun: se algo pode saír mal, ao final sairá mal. O caso é que no traballo diario dos preto de 20 millóns de cotizantes á Seguridad Social en España e sobre todo no daqueles que integran o chamado mercado negro, a lei xurdida dun experimento do enxeñeiro estadounidense Edward Murphy está presente en cada decisión ou movemento que supoña certo risco, aínda que o lóxico sería impedir calquera posibilidade de desenlace fatal para evitar que se cumpran os postulados da lei. Por iso cada vez que sae á luz unha nova relacionada cun accidente de traballo resulta curioso escoitar argumentos como que a mala sorte ou a casualidade quixo acabar coa vida dun operario, cando unha investigación posterior dos feitos acaba por determinar que o erro sempre é humano e tamén evitable. As once mortes rexistradas o mes pasado en Galicia terían que ir logo no haber de Murphy, pero tamén no daqueles empresarios e quizais tamén no dos traballadores que non cumpren as normas de prevención de riscos, así como no das administracións competentes que non exercen como deberan a labor de inspección. Porque a mala fortuna hai que aplicala só ao azar, pois no mundo laboral hai cousas coas que non se pode xogar.

A Praza de Dona Vicenta

Domingo, 25 de Novembro, 2007

Será que os horarios da miña profesión obríganme a ir a contracorrente da xente, pero para min o día no que máis disfruto da cidade é o domingo. O andar polas rúas faise relaxante e o paseo pola muralla,inevitable. Xa polo adarve decátome de que somos uns privilexiados por ter este monumento aberto día e noite a unha reflexiva andaina na que segundo se avanza podemos ver a maioría dos edificios emblemáticos da cidade que están agora no candeleiro: o Vicerrectorado, o cuartel de San Fernando, o vello cárcere… Pero quedo durante un anaco paralizado diante dun que sempre me chamou a atención, o Pazo de Sangro, en plena Tinería. Está en fase de restauración, ao igual que un entorno que nos seus tempos foi coñecido en todo o norte de España por ter algunhas das máis afamadas casas de citas; de putas, vamos, con ata máis de trinta locais, concentrados en catro rúas. Cando era cativo e paseaba cos amigos pola muralla, paraba diante dese pazo a mirar cara o barrio e os fellinianos persoeiros que por alí andaban. Agora só quedan dous deses locais e xa teñen data límite de peche. Comendo recentemente cuns veteranos amigos falaban ata con nostalxia daquel ambiente decadente e mentaban a Dona Vicenta, unha emblemática madama como merecedora de levar o nome dunha das rúas da rehabilitada Tinería. A proposta non é formal, como tampouco o eran os que ían desfogarse ao burdel da citada meretriz, pero o rueiro non ten por que ser patrimonio dos bos e xenerosos, tamén debe ser testemuña da historia, e tras de cada pedra da Tinería seguro que hai un cento delas.

P.C.(Por certo): Di a tradición que o nome da Piringalla ven dunha cantina que había á saída de Lugo na que paraban dilixencias e xinetes, e onde os cabalos, tentando cubrir as eguas, levantaban os seus piringallos. Aquí semella logo que o rueiro tivo en conta a historia.

Que facemos con San Fernando?

Xoves, 22 de Novembro, 2007

Asumida xa pola cidadanía a ubicación do novo auditorio en Magoi xa comenzan as xurdir propostas para darlle uso ao cuartel de San Fernando. Desde os sectores nacionalistas, aínda que sen unha proposta firme, apóstase por ubicar nel o futuro centro da romanización, pero ao PP parécelle que o Carme é o mellor sitio onde construir un edificio que recorde o legado romano da cidade. Ademais, os populares plantexan que o antigo cuartel se convirta en parador de turismo, unha idea interesante, se non fora porque un hotel deste tipo axuda a rehabilitar o patrimonio, pero acaba sendo desfrutado por uns poucos privilexiados. Porque se ben é certo que Lugo necesita un hotel de cinco estrelas como cidade histórica que é tamén anda escasa a zona centro de recintos culturais e de lecer, e agora que San Fernando é dos lugueses sería un louxo entregarllelo á exclusiva clientela dos paradores.

O turismo en Lugo, empresa difícil

Mércores, 21 de Novembro, 2007

Os socialistas e nacionalistas estiveron durante os anos de goberno bipartito e en solitario acusando a Francisco Cacharro de boicotear a creación dun patronato provincial de turismo, que xuntase a todas as institucións para unificar criterios á hora de promocionar a riqueza que representa contar coas praias da Mariña, as fragas do Courel ou o Cebreiro, a gastronomía e o patrimonio de Lugo e as comarcas do interior, ou a maravilla natural da Ribeira Sacra. Pois daquela non puido ser por mor do que semellaba ser un liorta continua entre os inquilinos da Deputación e o Concello. Agora que gobernan os en teoría socios, tampouco hai acordo nin siquiera para impulsar unha empresa municipal de turismo. Está claro que o tancredismo cando toca traballar en común segue a ser a tarxeta de visita dos nosos políticos, sexan do pao que sexan.

Un belisco inesperado

Martes, 20 de Novembro, 2007

A postura da oposición municipal diante do affaire Liñares está sendo comedida e raiando a elegancia. Se ve que as liortas que populares e socialistas teñen en Madrid ou Comunidade Valenciana a conta dos chamados pelotazos urbanísticos non atopan eco por estas latitudes. Igual é porque o caso non da para tanto: unha finquiña mercada por un concelleiro en solo rústico, que as redactoras do PXOM deciden convertir en urbanizable, e que por mor dunha decisión deste equipo contratado polo Concello lle pode reportar ao mercador unha inesperada plusvalía; vamos un belisco, como din eses que lles tocan 30 quilos na Lotería de Nadal. Claro que algunhas bases de PP e BNG non están moi dacordo coa estratexia que se está a desenvolver, e hai quen recorda unha frase de Orozco repetida na campaña electoral: “Nós non temos unidades de actuación que defender”…

As contas de Rajoy

Luns, 19 de Novembro, 2007

O galego Mariano Rajoy está disposto a queimar todos os cartuchos diante da que será a súa última oportunidade de optar á Presidencia do Goberno e acaba de facer unha promesa coa que quere entrar de cheo no filón de votos que supoñen as familias con rendas baixas, os pensionistas ou esa xeración de universitarios con traballo denominados mileuristas. Na súa intervención do domingo na conferencia política do PP, Rajoy dixo que promoverá unha rebaixa fiscal que eximirá de declarar o IRPF a aquelas persoas con ingresos anuais de menos de 16.000 euros, un número que a nivel estatal e segundo as estatísticas de Hacienda ronda os sete millóns de contribuíntes, a metade do total, aínda que en comunidades como Galicia a porcentaxe pode ser bastante maior tendo en conta que aquí os salarios están entre os máis baixos do Estado. Visto así, a luba electoral que acaba de tirarlle Rajoy a Zapatero podería supoñer unha ameaza para o actual presidente se non fora porque ata o de agora os dirixentes populares non explicaron que departamentos ministeriais verían mermados os orzamentos pola rebaixa fiscal, que unida á promesa de beneficios para as mulleres traballadoras pode supoñer un descenso na recadación do Estado de 3.300 millóns de euros. De momento no PP só aclaran que a medida suporá un impulso para o mercado laboral e o consumo, pero o caso é que algún cidadán xa empezou a facer contas e saenlle a pagar ata mil euros menos ao ano na declaración da Renda; claro que esas son como as contas da leiteira.