16 de Febreiro , 2012
Non sei se somos un pobo enfermo ata o extremo no que definiu Alcides Arguedas a súa Bolivia de principios do século XX, onde os terratenentes se negaban a impulsar o ferrocarril porque os indíxenas xa lles transportaban gratis as colleitas.
As axencias de cualificación, os grandes investidores, os burócratas da UE, as potencias dominantes desa mercacomunidade… ata os guionistas de programas de humor foráneos diagnostícannos esa doenza que só ten un remedio: unha involución na autoestima que nos converta de novo neses amables indíxenas que se conformaban co pan e o sal para non importunar o señor, que é quen mellor sabe o que nos convén.
O novo Goberno central comezou a aplicar o remedio importado sen demasiado convencemento, aínda que consciente de que coa anestesia aplicada polos seus antecesores dificilmente se vai alterar o aturdimento xeral que se vive. Conxelación de soldos, subida de impostos, reforma laboral xa non son palabras tabú para uns políticos que souberon implantar na sociedade a mensaxe de que mal de moitos é un consolo, aínda que sexa de fatos.
Quedo coa estratexia dos sindicatos ante a situación, esperar a ver como reaccionan os traballadores ante a terapia de choque aplicada antes de botarse á rúa. Pois que non se estrañen se desta o enfermo foxe tamén do acompañante.
Tags: Goberno central, reforma laboral, sindicatos
Categoría: economía | Sin comentarios »
8 de Febreiro , 2012
A crise neste país ten xa moitas caras e nomes, aínda que a última que se nos presentou nos medios de comunicación soa a culebrón televisivo. Porque a lamentable historia de Arantxa Sánchez Vicario non impresiona polas presuntas penurias económicas que di estar sufrindo senón polas miserias que saen á luz sobre unha familia que durante anos amasou millóns a conta dos títulos e patrocinios publicitarios na elite deportiva. A publicación dun libro no que a exnúmero un do tenis mundial repudia aos seus pais por dilapidar a súa fortuna ten guión de película de serie B e supón o contrapunto ás miles de españois arruinados polo paro e as débedas que tratan de saír adiante con dignidade e sen converter as súas historias persoais en caldo de cultivo do telelixo.
Arantxa non é a primeira nena prodixio explotada polos seus pais, asesores ou representantes, algo do que se puido ter dado conta antes de cumprir os corenta, aínda que parece que o seu problema é que xa non pode ter o nivel de vida do que gozou nas dúas últimas décadas. Ademais, parte das súas penurias veñen a conta do diñeiro que lle reclama a Axencia Tributaria por fixar a súa residencia durante anos no paraíso fiscal de Andorra, mentres gozaba de axudas olímpicas españolas. Pois mire vostede, se Facenda somos todos, pois que non se lle perdoe nin un euro.
Tags: Andorra, Arantxa Sánchez Vicario, Facenda, tenis
Categoría: sociedade | 1 Comentario »
1 de Febreiro , 2012
Non creo nos políticos retornados, porque ou ben queren emendar un fracaso ou ben trincar todo o que non puideron antes. Aínda que sempre hai quen entenden que dedicarse ao público require un período que non debería ir máis aló dunha década, o sistema derivou nunha parasitose que se enquista primeiro nas bases dos partidos para despois trasladarse ás institucións onde gobernan.
Exemplos temos de políticos crecidos ao abeiro das siglas, que co paso das décadas seguen a pé de escano, mentres que os que criamos xa amortizados regresan para seguir quentando asento ou para rivalizar cos que foron os seus compañeiros.
O último caso de político de segunda volta protagonízao Francisco Álvarez Cascos, quen, tras abandonar o PP por discrepancias coa dirección, fundou un partido que gañou os comicios autonómicos e logrou formar goberno en minoría en Asturias. Seis meses despois de tomar posesión e incapaz de consensuar uns orzamentos cos seus ex colegas, o que foi caricaturizado polo PSOE como o dobermann de Aznar decide botarse ao monte e converterse no primeiro presidente dunha autonomía do café para todos que adianta unhas eleccións.
A proposta invitaría á risa compracente do chiste malo se non fose polo dispendio que xerará ese referendo a prol de Cascos, un caro billete de retorno para quen nunca quixo irse.
Tags: adelanto, Asturias, Cascos, elecciones
Categoría: política | Sin comentarios »
26 de Xaneiro , 2012
Todos os que se expoñen na platea saben que están suxeitos á tiranía da crítica e quen pretenda escapar da súa intolerante acidez, que saiba que está condenado ao ostracismo. Que falen dun, aínda que sexa ben, din os máis intelixentes, aínda que son os considerados xenios os máis remisos a someterse ao comentario dos seus contemporáneos, quizais porque a súa arte ou pensamento está destinado a permanecer no tempo e non a diluírse no efémero éxito. Aínda que poida que estes non necesiten de acicates, porque a súa autoestima, lonxe de quedar atrapada no lodo da vaidade, é unha fiable folla de ruta. Pero ai daquel creador que tema ao látego, porque súa nunca será a admiración das vindeiras xeracións, pois se hai algo que sementan aqueles que dedican as súas horas a escudriñar no labor alleo é o hábito polo traballo e a constante superación, conscientes de que a casualidade non se emparella coa mestría. Soren Kierkegaard dicía que un crítico se parece moitísimo a un poeta, coa única diferenza de que non ten penas no corazón nin música nos beizos, claro que o filósofo danés non tivo en conta que os analistas tamén sofren os embates da vida e teñen tamén os seus propios censores. A miña máis férrea crítica marchou o pasado venres para sempre e déixame libre para cabalgar sen fusta, quizais porque crea que non a necesito, aínda que a terei presente a cada liña.
Tags: articulistas, críticos, Vidal
Categoría: Xeral | Sin comentarios »
11 de Xaneiro , 2012
Adoitan saír á luz en tempos de crises, cando as administracións rascan os petos para atender sobre todo a necesidades urxentes (pago de nóminas, auxilio social..), aínda que existiron ao longo dos tempos. O seu estourido coincide ademais con alardes de celo da Xustiza, un poder independente no estado democrático, pero que se nutre dos Orzamentos Xerais e, polo tanto, ten unha dependencia económica e política inherente.
Refírome aos casos de corrupción política, o único factor á alza na nosa bolsa de miserias e que estes días ten varias frontes abertas que compiten en cheirume segundo se van coñecendo detalles sobre os protagonistas. Finiquitado o pelotazo urbanístico, principal rexenerador da cleptocracia en España, e cos principais implicados pillados en ‘deshabillé’, asistimos a xuízos orais, comparecencias ante instrutores e filtracións de sumarios que lonxe de abraiarnos, corroboran a teoría de Max Weber de que canto menos evolucionado sexa un país, maior é a súa exposición aos gobernos de ladróns.
Seguramente esta crise desembocará nun cambio de modelo económico, social e se cadra político, pero o que parece seguro é que nos intestinos do Estado sempre haberá parásitos capaces de devorar fondos públicos co beneplácito de políticos, partidos e xuíces; sempre que haxa diñeiro dabondo, claro.
Tags: Corrupción, justicia, políticos
Categoría: política | Sin comentarios »
28 de Decembro , 2011
A miña infancia non son recordos de ningún patio machadiano, senón dun puñado de abueletes ao abrigo do salón da miña casa repasando os seus achaques e augurando o desastre para un país orfo pola morte dun señor baixiño, con gorra de prato e co peito infestado de medallas. Anos despois cheguei a entender o cauto silencio do meu avó fronte á behemencia dos seus interlocutores na defensa de quen pasará á historia por usar primeiro o terror do paredón e logo o medo do illamento social ou o cárcere para conter calquera conato de subversión. Ao señor Elías collerao a Guerra Civil na madurez dos corenta, con varios fillos que manter e cun currículo republicano que tivo que esconder ata os seus oitenta. A pesar da obrigada discreción, a súa creo que foi unha vida feliz, a mesma que lles foi negada a aqueles que non puideron conter o seu odio ao ditador e aos que o arrouparon durante anos.
Malia todo non creo que institucións caducas como a Deputación deban quitarlle nin unha soa desas medallas a Franco nin á Falanxe nin aos Primo de Rivera, como quere facer agora a de Lugo, porque son o mellor recordatorio do pavor no que sumiron durante décadas a millóns de persoas neste país. Ademais, tampouco me estraña que haxa deputados provinciais que, como alegan, non queiran entrar no xogo de quitar condecoracións, aínda que a eses o meu avó catalogábaos como mexamedallas.
Tags: Deputación, Franco, medallas, Primo de Rivera
Categoría: política | 1 Comentario »
22 de Decembro , 2011
Físicamente non ten moito parecido coa personaxe interpretada por Harvey Keitel en Pulp Fiction, aínda que o papel que a partir de agora terá que desempeñar o sexto presidente de Goberno da democracia española si que se asemella ao labor daquel señor Lobo que chegaba para solucionar problemas.
Na película, Keitel aparecía de súpeto para axudar a unha banda de asasinos chafalleiros a esconder un cadáver, papeis nos que hoxe en día poderiamos recoñecer ao goberno de Zapatero e á débeda española.
Pero se a complexa escena foi resolta polo señor Lobo aplicando sentido común e autoridade, o problema que terá que solucionar Mariano Rajoy e o seu equipo ten pinta de que non se remedia só con ordes e recortes, senón que fai falta moita confianza e sorte para que funcionen as medidas deseñadas.
Un afamado economista dicía fai uns meses que o único bo deste 2011 é que será mellor que 2012 e o novo goberno ten a partir de hoxe o encargo de intentar conseguir que os expertos se volten a equivocar ao igual que o fixeron cando non chegaron a predicir a crise financeira ou o estalido da burbulla inmobiliaria.
E ogallá Mariano Rajoy acabe convertido nese presidente que solucione problemas, aínda que debe ser consciente de que, como ben dicía o señor Lobo, «que sexas unha personalidade non significa que teñas personalidade».
Tags: Harvey Keitel, Lobo, presidente, Pulp Fiction, Rajoy
Categoría: política | Sin comentarios »
14 de Decembro , 2011
Son dos que se adica máis a fisgar nas redes sociais que a alimentalas. É unha deformación profesional que aos do meu gremio ocórrelles tamén no súper, o bar ou a parada do bus, onde con disimulo poñemos a orella nas conversacións alleas para colmar a nosa curiosidade ou para ver se pescamos unha noticia. Tamén son dos que deixan falar ao interlocutor para que se desafogue ante alguén afeito a atender a todo tipo de historias, a pesar de que creo que, como dicía Oscar Wilde, o máis perigoso de escoitar é que te poidan convencer.
E como escoitador que son, ata me resulta incómodo converter o columnismo en opinión, pois os xornalistas non somos os máis indicados para xulgar as decisións tomadas por aqueles que recibiron a autorización das urnas, dos consellos de administración ou, nalgún caso, de Deus, pero si creo que estamos para denunciar a arbitrariedade, a mentira, o abuso ou o delito.
Estes días fálase nos medios e na rúa dos moitos problemas que nos aburan ou do derbi Madrid-Barcelona, pero tamén da noticia de que o xenro do xefe do Estado aproveitouse da súa condición para facer negocios presuntamente ilícitos, unha información que indignou ao interfecto. Tras semanas de titubeo, a Casa Real actuou, sobre todo, porque sabe que o mellor mecanismo de autodefensa é escoitar o que se di e actuar.
Tags: Casa Real, Palma Arena, Urdangarín, xornalistas
Categoría: sociedade | 2 Comentarios »
9 de Decembro , 2011
Advirten os apocalípticos que a imposibilidade de facer efectiva unha nova guerra mundial da que ningún estado, fortuna ou iluminado sairía ben parado é o que alenta esta desestabilización que chamamos crise, pero que vai camiño de converterse en depresión. Esta teoría conspiratora, que podería servir para armar un best seller, ata reconforta se de verdade todo o malo que lle poida pasar aos países desenvolvidos (o resto seguirá sufrindo como sempre) é que gran parte da súa clase media perda as súas casas e aforros, e se vexa condenada a empezar de cero, como vítimas ilesas dun tsunami.
Non creo que o banco Goldman Sachs domine o mundo nin que Standard & Poor’s poida quitarlle a triplo A a humanidade, pero si que penso que as súas ameazas convenceron aos dirixentes mundiais de que a súa marxe de manobra é limitada. E por iso, do mesmo xeito que nos prolegómenos da Segunda Guerra Mundial os militares tomaron o control para impor o discurso das armas, agora son os grandes inversores os que ditan as normas aos gobernos para que non adopten decisións que afecten aos seus clientes. De haber guerra invisible, queda por saber o grao de irritación social que se pode xerar. De momento só uns centos de miles de indignados se mobilizaron, pero ata o capital ridiculiza agora en anuncios de telefonía a súa acción consensuada. Quizá algo inquietan.
Tags: crise, Goldman Sachs, guerra, Standard & Poor's
Categoría: política | 1 Comentario »
30 de Novembro , 2011
Se cumplen once años de la concesión a la muralla de Lugo de la acreditación como Patrimonio Mundial, un simbólico título que pretende justo lo contrario de su original cometido, impedir el acceso de extraños a la ciudad. Y es que la declaración de la Unesco se antojaba como el mejor reclamo para impulsar la llegada masiva de turistas, algo que después de una década apenas se ha notado en la estadística de pernoctaciones, ya que la muralla por sí solo no basta para enganchar durante unos días al típico turista, que con una vuelta por su adarve da por satisfecha su curiosidad.
Pero al menos a lo que ha contribuido el reconocimiento mundial es a aumentar la autoestima del lucense, que hoy en día puede presumir dentro y fuera de Lugo de vivir en una ciudad situada en el mapa de los lugares que merece la pena ver una vez en la vida.
Por mucho que intenten convencernos nuestros políticos, está claro que la muralla no va a ser ningún reactivo milagroso para una actividad económica limitada como la nuestra, ya que hay cientos de legados históricos repartidos por el mundo a los que viajeros y turoperadores darán antes prioridad. Otra cosa es que algún día nos decidiésemos a levantar todas esas joyas escondidas en el subsuelo de Lucus Augusti y que nos apresuramos a tapar cada vez que se descubren, quizá porque el espíritu de amurallarnos frente al invasor va en el ADN del lucense.
Tags: aniversario, muralla, Patrimonio Mundial, turismo, Unesco
Categoría: sociedade | 2 Comentarios »